O presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que ao longo do mes de setembro vai poñerse en marcha un novo sistema de test masivos de Covid-19 a través de mostras de saliva, e subliñou que a sanidade pública será “a máxima vocación e compromiso” do seu Goberno.
O novo sistema, que “se está planificando en Vigo”, farase a través de mostras de saliva que cada persoa recollería desde a súa propia casa para, posteriormente, “rexistrala a través dunha app e remitila para que sexa avaliada en robots con capacidade para analizar 100.000 probas ao mes”.
“Será un salto cualitativo para facer grandes avaliacións que, loxicamente, priorizaremos nas áreas sanitarias e tamén en grandes centros de traballo ou afluencia”, apuntou o candidato á investidura, quen tamén destacou que Galicia “foi a primeira comunidade en implantar o autocovid” en base á receita da Organización Mundial da Saúde (OMS): “test, test e máis test”.