Feijóo anuncia unha inversión de 4 M€ no Hospital de Verín

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o investimento de 4 millóns de euros para construír un novo edificio de Urxencias e un Punto de Atención Continuada (PAC) no Hospital Comarcal de Verín. Tamén se realizarán actuacións de eficiencia enerxética na totalidade do centro.

Segundo explicou, o novo edificio, que terá unha superficie de case 1.500 metros cadrados, contará cunha área clínica cunha zona de control de enfermaría e sala de traballo de médicos con supervisión directa sobre as salas de observación e os 6 boxes. E na zona da PAC disporanse dúas consultas médicas e unha de enfermaría. Ademais, haberá unha consulta para casos sospeitosos de enfermidades infecciosas.

No que respecta ás melloras para incrementar a eficiencia enerxética en todo o centro, Feijóo precisou que se impermeabilizarán as cubertas do antigo edificio e instalaranse 620 paneis fotovoltaicos para fornecer enerxía a todo o conxunto do hospital. Ademais, incrementaranse as prazas de aparcadoiro, que pasarán das 167 actuais a máis de 200.