Feijóo apoia a Braga na súa candidatura a Capital Europea da Cultura 2027


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoiou este sábado a Braga no lanzamento da súa candidatura a Capital Europea da Cultura 2027. E, ao respecto, aseverou que Galicia e o Norte de Portugal serán un eixo cultural imprescindible se iso ocorre, pola coincidencia co Ano Xacobeo.

“Se Braga consegue ser Capital Europea da Cultura, coincidiría co Ano Santo 2027, o que suporía para a Eurorrexión unha feliz coincidencia e a súa consolidación desde o eido cultural”, aseverou, recordando que o Camiño Portugués acadou gran relevancia nos últimos anos.

Durante a súa intervención no acto de presentación da candidatura, Feijóo incidiu en que con esta proposta ambos territorios “volvemos apostar por Europa e certificamos que queremos seguir construíndo a Unión”.

O presidente da Xunta lembrou, tamén, que Galicia coñece ben o poder transformador desta iniciativa, xa que Santiago de Compostela foi Capital Europea da Cultura no ano 2000. Unha experiencia que supuxo un impulso para as industrias culturais, coa celebración dun milleiro de actos en tan só un ano.

Feijóo concluíu aseverando que o apoio a esta candidatura confirma, novamente, que a relación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal baseouse e baséase na confianza, na convivencia e na idea de ser dous territorios coas portas abertas a un e ao outro lado.