O candidato á Presidencia do PP, Alberto Núñez Feijóo, asinou a súa dimisión como presidente dos populares galegos, unha renuncia que se fará efectiva con data do 1 de abril -cando será proclamado líder da formación no Congreso nacional que se celebrará en Sevilla-, pois estatutariamente non é posible compaxinar o liderado do Partido Popular co da organización en Galicia.
O aínda líder dos populares galegos lembra que en 2005 deu un paso á fronte para dirixir a formación nun momento difícil para o PP en Galicia, facendo fincapé no “desafío enorme” que supoñía suceder a Manuel Fraga, un pai da Constitución que levaba 16 anos de presidente da Xunta e que viña de gañar por quinta vez as eleccións galegas. Do mesmo xeito, agora dá “un paso adiante para dirixir a nosa organización nun momento complexo para o PP a nivel nacional e para España”, afirmou.