Feijóo avanza un investimento de 52 millóns de euros para mellorar a xestión dos biorresiduos


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves, tras a reunión do Consello, un investimento de 52 millóns de euros para apoiar aos concellos no cumprimento dos obxectivos da Unión Europea no ano 2023 en materia de biorresiduos, coa extensión do quinto contedor de cor marrón e coa dispoñibilidade de plantas de tratamento.

Así, salientou que a Xunta destinará gran parte deste orzamento á construción de tres novas plantas de biorresiduos, nos concellos de Vilanova de Arousa, Cervo e Verín, cuxos proxectos construtivos se atopan en fase de adxudicación co obxectivo de que estean operativas en 2022. Ademais, lembrou que xa hai unha planta en funcionamento no concello de Cerceda, a base central de Sogama.

Estas catro plantas darán servizo a 700.000 habitantes que viven en 85 concellos, e procesarán 46.200 toneladas anuais de residuos orgánicos. Trátase dunhas instalacións que se complementarán con outras destas características, tanto públicas como privadas, actuais e futuras.