O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou este venres, na inauguración do XI Congreso Nacional Galego de Unións Agrarias, por que o sector da carne e o do viño teñan a súa propia estratexia de dinamización para aproveitar o seu potencial de desenvolvemento.
Deste xeito, e no tocante ao sector cárnico, destacou que este conta con máis de 61.000 explotacións, 231 empresas e preto de 3.500 traballadores; “e o sector do viño é fundamental para Galicia”, dixo, remarcando que precisa dunha estratexia que incida na calidade, na produción, na transformación, na exportación e no enoturismo.
Durante o acto, Feijóo aseverou, ademais, que a Xunta seguirá apostando por reforzar a marca Galicia Calidade, “porque é fundamental identificar unha marca cun país”, dixo, apelando ao traballo conxunto co sector agrogandeiro, para potenciar os produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación.