O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo un encontro coas principais empresas de referencia no eido audiovisual co fin de coñecer a súa situación e encarar xuntos os retos do futuro. Na reunión, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, fixo un chamamento para empregar os fondos europeos para consolidar a importancia crecente do sector en Galicia e se avanzou no deseño do hub audiovisual, un proxecto ao que o titular do Goberno se referiu como unha peza clave para consolidar a industria na Comunidade.
O encontro serviu para que as entidades convocadas puidesen expoñer as súas iniciativas para o novo hub da industria cultural, un proxecto impulsado pola Xunta dentro do programa REACT da Unión Europea co obxectivo de acelerar a reactivación do sector e incrementar a súa competitividade. Trátase dunha das principais medidas audiovisuais da Administración autonómica que, cun investimento de 9,6M€, pretende xerar sinerxías positivas neste sector profesional galego a través dun proceso colaborativo que permita incrementar as súas capacidades.
A previsión é desenvolver este hub ao longo de toda a lexislatura co obxectivo de colaborar este mesmo ano co financiamento dos mellores proxectos para así seguir consolidando a boa imaxe que a industria cinematográfica galega ten na crítica nacional e internacional. Así mesmo, a iniciativa impulsará a mellora da competitividade de outras empresas culturais e xerará novos postos de traballo.