- Aseverou que o Executivo autonómico decidiu aprobar un proxecto de orzamentos para 2020 “para protexer a Galicia da inestabilidade”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este xoves na rolda de prensa do Consello, un teito de gasto para 2020 de 10.160 millóns de euros, 311 millóns máis que este ano. Isto supón un incremento do 3,1% en comparación co Orzamento do presente exercicio.
Tal e como dixo hai unha semana no Debate do Estado de Autonomía, o presidente da Xunta comprometeuse cos galegos e aseverou que o Executivo autonómico decidiu “apostar pola opción máis difícil”, é dicir, aprobar un proxecto de orzamentos para 2020, “para protexer a Galicia da inestabilidade, a pesar de todas as zancadillas e todas as dificultades”, como a débeda de 700 millóns de euros por parte do Goberno central.
Feijóo tamén abordou o tema do PIB, estimando que «o PIB galego crecerá un 2% para este ano 2019, en liña co PIB español. E para 2020 agardamos un crecemento do PIB do 1,9%, é dicir, que Galicia seguirá crecendo en liña coa economía española, e por riba da Eurozona e das principais potencias de Europa».
O presidente do Executivo autonómico cualificou o teito de gasto de “realista, sólido e prudente”, facendo fincapé en que é a primeira vez que este Goberno presenta un teito de gasto que supera a barreira dos 10.000 millóns.