O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, empraza ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a acordar un calendario para retomar o proceso electoral en Galicia, e asegura que non dispón de ningunha información dos plans da Xunta ao respecto. Por este motivo, lembroulle a Feijóo que a prórroga electoral non supón un «cheque en branco» para un Executivo que está a funcionar -recalcou- en situación de excepcionalidade. Así pois, insistiu en que o titular da Xunta debe «comparecer, dar explicacións e estar á altura» do momento, no canto de furtar ao Parlamento galego das súas comparecencias, xa que tan só interveu ante a Cámara unha vez desde o comezo da crise a pesar de atoparse nunha situación anómala no plano competencial.
Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou que as eleccións galegas deben celebrarse «cando se dean as condicións sanitarias para votar sen riscos para a saúde». Insistiu en que «o BNG foi o primeiro en pedir aprazar a celebración das eleccións», porque, no medio dunha pandemia, «o único importante é a saúde das persoas» e, a día de hoxe, a formación nacionalista «segue pensando o mesmo».
Pontón apuntou que o seu desexo de que «a data das eleccións en Galicia se decida en Galicia», de tal modo «que non volva ser o lehendakari vasco quen diga cando temos que votar». Deste xeito, a líder nacionalista emprazou o presidente da Xunta a que «non se limite a facer seguidismo e ir a rebufo».