Durante unha visita ás obras, Feijóo subliñou que, cun investimento de 13 millóns de euros, esta fase permitirá, entre outras cousas: ampliar na primeira planta a Farmacia, Urxencias -cunha sala de observación con 2 boxes- e Mantemento; establecer na cuarta planta os hospitais de día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía e Polivalente, así como a oficina de transplantes; e instalar no quinto andar as novas UCI de politraumatizados e coidados intermedios, con 15 camas cada unha, así como unha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.
Logo de precisar que o obxectivo é que as obras desta fase inicial estean rematadas no verán do vindeiro ano, lembrou que en total actuarase nun espazo de 8,6 hectáreas, xerando preto de 225.000 metros cadrados de nova superficie, un 67% máis. Ademais de contar cun 50% máis de consultas e postos de observación de Urxencias, cun 108% máis de postos de Urxencias e cun 50% máis de habitacións individuais.
Así mesmo, salientou que a remodelación do enlace da Pasaxe, a construción dun anel perimetral e a construción de 2.600 novas prazas de aparcamento farán do novo CHUAC un complexo máis accesible.