Feijóo destaca a revitalización do Monte do Gozo como exemplo dun camiño para todos


Durante unha visita ás instalacións deste complexo -inaugurado en 1993 e con máis de medio millón de metros cadrados-, Feijóo lembrou que en 2016 púxose en marcha o plan de revitalización ao que se destinaron 7,7 millóns de euros para, entre outros obxectivos: recuperar a zona residencial, con máis de 1.000 prazas de aloxamento, restauración, sete locais de tendas, unha piscina e zona de ocio; reformar o edificio do cámping e poñer en marcha un centro asistencial e turístico con 50 prazas, xestionado pola Asociación de pais e persoas con trastorno de espectro autista (Aspanaes); e rehabilitar o auditorio, incrementando a súa capacidade en 45.000 persoas. Un exemplo do compromiso de ofrecer un camiño para todos, máis inclusivo, máis accesible, máis sustentable e, sobre todo, un destino seguro. Así mesmo, destacou a zona onde se atopa o Bosque das Camelias, con exemplares de todo o mundo, e a mellora da contorna con iluminación ornamental e da zona de recepción de peregrinos a cabalo. Ademais en vista está a previsión de poder celebrar no mes de xullo concertos de ata 10.000 persoas sentadas, con distancia de seguridade e controis de acceso.