Feijóo destaca o Polo Aeroespacial como sector clave para a recuperación

1 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o Polo aeroespacial como un sector clave para a recuperación, cunha folla de ruta para o período 2021-2025 baseada no desenvolvemento industrial; no fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras, a través da xeración e transferencia de coñecemento ao mercado; e na creación de emprego de calidade, podendo acadar ata os 3.000 postos de traballo. Incidiu en que o sector contribuirá á recuperación aliñándose, ademais, coas metas a nivel estatal e europeo, co fin de xerar riqueza non só a curto prazo, senón crear as tecnoloxías, mercados e empregos do futuro.

Para logralo, avanzou que se desenvolverán unha trintena de actuacións, baseadas na colaboración institucional e público-privada, entre as que se atopan: o financiamento de grandes programas de I+D na busca de tecnoloxías disruptivas a realización de actividades escolares para promover as vocacións científicas; a compra de solucións baseadas nestas tecnoloxías para os servizos da Xunta; o impulso do aeródromo de Rozas como polo aeronáutico, coa mellora das súas infraestruturas; e o apoio ás empresas galegas desta industria coa apertura cara a novos mercados.

En relación ao investimento, o titular da Xunta resaltou un investimento xa comprometido para este período de preto de 70 millóns de euros, dos que 40 se destinarán á licitación de Compra Pública Precomercial, que será publicada ao longo do mes de xullo.

Durante a súa intervención, Feijóo recordou que o Polo aeroespacial é tamén un dos proxectos tractores que integran a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation, polo que, se finalmente o Goberno central accede a que poida formar parte deste programa, esta iniciativa tería a oportunidade de mobilizar ata 540 millóns a través da colaboración público-privada.