Alberto Núñez Feijóo foi elixido este xoves presidente da Xunta por cuarta vez co si dos 42 deputados que compoñen o Grupo Popular no hemiciclo galego, entre os que se atopa el mesmo, e o non dos 33 parlamentarios que ocupan o resto das bancadas (19 do BNG e 14 do PSdeG).
Por orde alfabética, e tras comezar por sorteo polo parlamentario nacionalista Daniel Pérez López, un a un os deputados da Cámara galega fóronse pronunciando desde os seus escanos chamados pola secretaria da Mesa do Parlamento, Corina Porro. Dúas deputadas que foron nais recentemente, a deputada popular Sandra Vázquez e a nacionalista María González Albert, delegaron o voto nos seus respectivos portavoces de grupo.
Tras a investidura, os líderes do BNG, Ana Pontón, e PSdeG, Gonzalo Caballero, saudaron a Feijóo no hemiciclo. Agora, o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, cumprimentará o seguinte trámite e enviará unha comunicación telemática oficial da súa elección ao rei Filipe VI. O vindeiro sábado, Feijóo tomará posesión do seu cargo na Cámara autonómica, nun ambiente marcado polas restricións da pandemia.