A detención en España do exdirector xeral de Pemex, Emilio Lozoya Austin, golpeou especialmente a Galicia, Lozoya apadriñou en 2013 a ruinosa compra do estaleiro galego Barreras, a adquisición negociouna persoalmente co presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, do Partido Popular, con quen se reuniu antes e despois da operación.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves Feijóo foi preguntado polas investigacións sobre Pemex por ata catro medios de comunicación distintos, aos que Feijóo respondeu considerando o caso “unha cuestión máis da campaña electoral”. O presidente volveu negar que o ex-director de Pemex Emilio Lozoya, detido hai unha semana en Málaga, participase nos acordos coa Xunta, que atribuíu ao seu antecesor, e mesmo que estea a ser investigado polos negocios da petroleira en Galicia. Segundo Feijóo, Lozoya está “chamado á xustiza por unha cuestión de Brasil”.
Pero esa “cuestión”, o caso Odebrecht, a maior trama de corrupción do continente americano, é só unha das investigacións que Lozoya ten abertas en México. Tamén está en cuestión a compra de Barreras por parte de Pemex xa baixo o seu mandato, cando a Xunta presentou a operación como froito das súas propias xestións. Ese feito foille lembrado este xoves a Feijóo, que o obviou.