Feijóo en Carballo | Galicia contará con 65.000 persoas dependentes atendidas ao remate do 2020


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este martes durante unha visita ás instalacións da residencia de maiores e centro sociocomunitario de Carballo que ao remate deste 2020 a Comunidade galega contará con 65.000 persoas dependentes atendidas. Un obxectivo que a Xunta vén de ampliar logo de que en 2018, dous anos antes do previsto, se acadaran os 60.000 dependentes atendidos, demostrando o pleno compromiso da Administración autonómica neste eido e que fai que Galicia comece a década con catro veces máis persoas dependentes atendidas das que tiña en 2009.

Para acadar esta meta, precisou que nas últimas semanas se reforzou o Servizo de axuda no fogar, con medio millón de horas máis de atención para os veciños que o necesiten, e que chega xa a máis de 24.000 fogares. E seguirase apostando polo Bono residencia, que neste momento axuda a 1.900 galegos a pagar unha praza nun centro da súa elección.

Feijóo subliñou que se dará prioridade tamén ao funcionamento do Bono coidados en familia, para aqueles dependentes que son atendidos no seu domicilio por unha persoa da súa contorna. Unha axuda que o ano pasado se incrementou un 10% para todos os beneficiarios e que conta coa posibilidade de que a persoa coidadora cotice gratuitamente á Seguridade Social.

Outros proxectos para a comarca

O presidente da Xunta referiuse tamén a outros proxectos para a comarca, confirmando que os orzamentos de 2020 inclúen unha partida para a primeira fase da circunvalación de Carballo. “Elaboraremos o proxecto construtivo desta primeira fase da circunvalación, cuxo investimento total ascende a 28 millóns”, aseverou, garantindo tamén unha achega para iniciar os traballos de ampliación do polígono de Carballo. No tocante á autovía da Costa da Morte, precisou que este ano sacarase a información pública o proxecto de trazado entre Baio e Vimianzo, conectando coa estrada de Camariñas.

Declaracións de Alberto Núñez Feijóo.