Feijóo fala da lista máis votada, porque sabe que non revalidará a maioría absoluta


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afeou ao presidente da Xunta na súa insistencia en que debería gobernar a lista máis votada, sobre todo, porque o fai “pensando no seu”, consciente de que non vai revalidar a maioría absoluta cando sexan as eleccións autonómicas.

“Feijóo está pensando no seu, pero nós queremos falar da cidadanía”, recalcou o líder dos socialistas galegos. “Entendo que Feijóo está moi nervioso, porque sabe que o primeiro posto nas autonómicas está en xogo”, remachou.

“Nós somos un partido serio e coherente”, destacou o máximo responsable do PSdeG, quen recordou que durante a campaña electoral sempre fixo fincapé na súa vocación de construír “gobernos de progreso” como alternativa á dereita nos distintos municipios de Galicia.

Así foi, como evocou, no caso da cidade de Ourense, onde “plantexamos a necesidade de pasar páxina tras catro anos de ineficacia” e, por iso, “presentamos o mellor candidato, coa mellor candidatura” e “gañamos as eleccións”. De cara a deputación, proseguiu, sempre avogou por poñer fin aos Baltar e “abrir unha etapa de progreso”.