O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou aos deportistas olímpicos galegos a felicitación de toda Galicia pola súa histórica participación nos Xogos de Toquio.
A ese respecto, destacou que se a convocatoria para Toquio xa foi todo un fito para Galicia, coa participación 20 deportistas galegos e cinco con licenza galega, as 6 medallas (Teresa Portela, Rodrigo Corrales, Nico Rodríguez, Iván Villar, Ana Peleteiro, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo) e 10 diplomas olímpicos acadados (Niko Shera, Raquel Carrera, Tamara Abalde, Alberto Abalde, Iago López Marra, Támara Echegoyen, Adrián Ben, Antía Jácome, Carlos Arévalo, Emmanuel Reyes e Caetano Horta) xa forman parte da historia.
Ante estas cifras, puxo en valor que o 72% dos galegos que participaron nos Xogos Olímpicos quedaron entre os 8 mellores do mundo. “Unha de cada tres medallas españolas fala en galego”, abundou.
Logo de recoñecer o seu esforzo e sacrificio, o presidente da Xunta aproveitou o encontro para anunciar que a Oficina de Atención ao Deportista estará en pleno funcionamento para a tempada que vén, co obxectivo de seguir acompañando aos deportistas no camiño á excelencia. “É un xeito de axudarvos a recoñecer o traballo e tamén de render unha homenaxe a todos os vosos devanceiros olímpicos”.
Máis polo miúdo, explicou que esta oficina orientará e informará, permitirá detectar as necesidades que poidan xurdir e promover actuacións destinadas á divulgación e formación. Finalmente, Feijóo concluíu a súa intervención reiterando o agradecementos infinito por parte de todos os galegos e galegas e a confianza en que este bo resultado teña continuidade nos Xogos Paralímpicos.