Feijóo lanza a precampaña das eleccións galegas


Dous meses despois de perder o PP por primeira vez na historia unhas eleccións en Galicia, nas xerais, e un mes despois de facelo por segunda vez, nas europeas, Feijóo escenificou este xoves o seu intento de retomar a iniciativa política. Fíxoo substituíndo a reunión semanal executiva do seu Goberno de todos os xoves por unha arenga pública aos seus altos cargos (conselleiros, secretarios e directores xerais). Un acto ao que convocou aos medios de comunicación e co que na práctica lanzou a longa precampaña das eleccións galegas que el mesmo pode convocar en calquera momento antes de setembro do próximo ano.

Feijóo xa organizara un acto propagandístico similar cos altos cargos do seu Goberno aos 100 días da súa terceira toma de posesión como presidente da Xunta, o 24 de febreiro de 2017. O deste xoves converteuse na práctica nun mitin para os seus, que o recibiron e despediron entre aplausos. Un discurso dunha hora de duración ante os medios de comunicación seguido despois dunha reunión a porta pechada con intervencións de cada conselleiro.