O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou a Feijóo a «explicar» o «protocolo que seguiu» tras «saber que compartiu un acto pechado» cunha persoa que deu positivo por coronavirus e ser sometido a unha PCR. Segundo o líder socialista, cómpre aclarar as razóns do cribado entre os asistentes ao acto do PP «se non houbo risco» e se o houbo e esa é a razón das probas, «por que non fixo corentena».
Na súa resposta, o presidente da Xunta considerou que Caballero non cuestionaría o acontecido se «repasase os protocolos» e as diferenzas «entre contacto e contacto estreito». Segundo a súa versión, a conselleira Quintana, como calquera «viaxeiro que volve a Galicia, fixo unha PCR». «Asistiu a un acto sen a PCR aínda diagnosticada e, cando tivo o resultado da PCR» como positivo, relatou, «chamamos aos xornalistas e a todas as persoas» asistentes ao mitin para sometérense a test da COVID-19.