Feijóo pide compromiso ao Goberno central para que os trens Avril cheguen a Galicia no verán


Durante unha reunión coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, Feijóo incidiu na necesidade de que o tren de Alta Velocidade se estenda ao resto das cidades galegas, “xa que estamos a falar dun activo extraordinario para Galicia e para o noroeste de España, tanto no eido da industria como no relacionado co sector turístico”, precisou.

Nesta mesma liña, resaltou a importancia de cumprir os tempos de conectividade pactados: Santiago-Madrid en 2 horas e 50 minutos; Pontevedra-Madrid en 3 horas e 10 minutos; Vigo-Madrid en 3 horas e 20 minutos; e Coruña-Madrid en 3 horas e 15 minutos.

Raquel Sánchez celebrou os 18 millóns de euros que se aforraron os usuarios en Galicia, entre o 29 de xullo e o 31 de decembro, grazas ás bonificacións nas peaxes aprobadas polo Goberno de España, a proposta do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana. Lembrou que se articularon 2.300 millóns de euros ata 2048 en bonificacións da AP-9, incluída a gratuidade entre Vigo e Redondela, polo que se poden cualificar como históricas.

En relación ás intermodais, o presidente autonómico cualificou de “boa noticia” o anuncio da licitación neste semestre de 2022 da estación de Ourense, converténdose na primeira gran estación de alta velocidade de Galicia.