O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reuniu á súa cúpula por primeira vez tras a súa reelección como xefe da formación a pasada fin de semana e fíxoo para lanzar unha mensaxe: o PPdeG debe ser «un partido aberto 24 horas» e non «despistarse» con cuestións orgánicas, senón centrarse en solucionar os problemas dos cidadáns.
Feijóo pediu aos seus estar a pé de rúa e escoitar aos galegos no canto de imitar a «irresponsabilidade e frivolidade» dos políticos «á moda» –actitude que atribuíu ao Goberno central– para trasladar ao ámbito local e ás xerais, «que Sánchez convocará cando lle interese», o éxito a nivel autonómico.
Co seu novo equipo, advertiu que integrar o seu comité de dirección non é «un premio orgánico» nin «un aplauso polo feito», senón «unha responsabilidade» que asume cada un dos seus cargos. E nun contexto marcado pola pandemia, advertiu que, aínda que os populares non teñen tampouco «todas as respostas», o partido debe estar «aberto 24 horas».
Ademais, fixo fincapé na importancia de escoitar, debater, propoñer e seguir esforzándose, avogando por continuar ao carón dos veciños: “Pouco falar de nós e moito falar da xente, pouco figurar e moito peitear o territorio, menos foto de atril e máis proximidade, pouca sede e moita rúa”.