Feijóo presentou ao seu novo Executivo

2 minutes read

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou un novo Executivo galego comprometido co realismo, o traballo, a xestión e a planificación, e coa defensa dos intereses de Galicia por diante de calquera outra consideración.

Durante o acto de toma de posesión dos conselleiros, Feijóo aseverou que o novo Goberno conserva a mesma ilusión que aquel primeiro equipo de 2009, pero se cabe “con máis enerxía, con máis experiencia e con máis paixón”.

Conscientes da magnitude do reto que teñen por diante, o titular da Xunta incidiu en que a prioridade é afrontar a pandemia en todas as frontes e, con este fin, destacou o reforzo da área de Economía para que todos os esforzos coordinados vaian cara á reactivación económica e social; “para, ademais de seguir tendo capacidade económica, soster o estado do benestar”, matizou.

Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Unha tarefa, subliñou, na que estará centrado Francisco Conde, co obxectivo de que nazan novas empresas, proxectos novos e proxectos tractores; e, todo isto, baixo un cambio de paradigma baseado na dixitalización, a sostibilidade e a economía circular.

Logo de precisar que para acadar ese fin, Conde contará co apoio e o traballo de María Jesús Lorenzana, José González e Rosa Quintana, Feijóo deu a benvida ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, do que destacou a súa traxectoria profesional. E referiuse a Román Rodríguez que, baixo a nova Consellería de Cultura, Educación e Universidade, recupera unha competencia que coñece ben como é a educativa.

Así mesmo, citou a Ángeles Vázquez, Ethel Vázquez e a Fabiola García, que renovan as súas responsabilidades “e incrementan a esixencia da súa labor”. E, no ámbito da Consellería de Facenda, con Valeriano Martínez á fronte, expuxo a necesidade de coordinar con maior profundidade a administración pública, co obxectivo de ter unha visión conxunta da mesma, nun tempo novo de teletraballo e dunhas administracións máis rápidas, tecnolóxicas e máis abertas.

Ao longo da súa intervención, confirmou tamén que na coordinación de todo o traballo conxunto do Executivo seguirá Alfonso Rueda, que asume ademais as competencias nunha materia tan especial como é o turismo.