O presidente do Goberno galego felicitou este luns ao Deportivo Abanca polo seu ascenso á máxima categoría, “histórico para o deporte feminino e para o fútbol galego”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo puxo ao Deportivo Abanca como referente para deixar de falar de fútbol feminino e falar soamente de fútbol. “Estamos a falar de 23 mulleres que representades o mellor da nosa terra”, aseverou, incidindo en que este éxito pasa a formar parte xa do bo número de historias que, coma esta, desafiaron estereotipos e prexuízos.
“Grazas de novo por facernos soñar e por confiar e crer en vós mesmas”, abundou, recordando que, co esforzo, coa paixón e coa entrega, contribúen a manter viva a chama do deporte galego.
O presidente confirmou que a Xunta seguirá comprometida co deporte a todos os niveis e categorías. “E seguiremos, tamén, incentivando o número de licencias femininas e a porcentaxe de mulleres presentes nas xuntas directivas dos clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares, así como das federacións deportivas á hora de outorgar as subvencións. Estamos a premiar as accións que velen pola igualdade efectiva entre mulleres e homes, e seguiremos valorando os proxectos das federacións relacionados co fomento do deporte feminino”, engadiu, ademais de garantir en todos os seus apoios aos diferentes eventos deportivos a igualdade de premios.
Así mesmo, destacou o compromiso para garantir a igualdade salarial entre os traballadores e traballadoras das federacións, sendo só obxecto de subvencións aquelas que cumpran este requisito. “E garantimos esta mesma igualdade salarial nas nosas subvencións aos deportista galegos de alto nivel”, precisou, recordando ademais que, o novo Decreto de deportistas de alto nivel, que será aprobado a finais do presente ano, contemplará novas vantaxes para as deportistas, especialmente para aquelas que decidan ser nais.