Feijóo visitou este luns unha explotación gandeira de Mazaricos


  • Alí o presidente da Xunta lembra que en 2019 arredor de 1.000 agricultores e gandeiros beneficiáronse de máis de 40 millóns das axudas para a impulsar a remuda xeracional e o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Nese sentido, Feijóo avanzou que a Consellería do Medio Rural pedirá, na xuntanza co Ministerio, o vindeiro mércores a transposición da directiva europea para modificar a lei estatal de competencia desleal e a lei de defensa da competencia.

Logo de afirmar que Galicia seguirá defendendo a máxima transparencia e equilibro nos prezos, o titular do Executivo autonómico fixo un chamamento ao Goberno central para que se involucre na procura de solucións, para que o prezo en orixe sexa proporcional ao prezo en destino.

Pola súa banda, o presidente da Xunta fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa mellora das explotacións e co impulso da transformación e comercialización dos produtos agrarios.

Ao longo da súa intervención, referiuse tamén a necesaria posta en valor da terra, cunha futura lei para recuperar os terreos infrautilizados ou abandonados e impulsar o seu aproveitamento. Esta normativa conterá diversos instrumentos voluntarios como o banco de explotacións, aldeas modelo ou polígonos agroforestais ou as permutas de especial interese agrario.

Feijóo referiuse tamén á dinamización do sector lácteo, confirmando que a Xunta xa está a traballar nunha estratexia co sector para, con todos os elos da cadea e especialistas elaborar un paquete de medidas para seguir afondando na cadea de valor do leite.