Feiraco e o RC Deportivo da Coruña renovan a súa alianza nesta tempada en Primeira División

2 minutes read

Feiraco, marca integrada na cooperativa rural galega CLUN, e o RC Deportivo da Coruña renovan a súa alianza para a tempada 2026/2027, especialmente ilusionante polo regreso do club branquiazul á elite do fútbol español.

A undécima tempada desta colaboración foi presentada baixo o lema ‘Xuntos en Primeira’, cun vídeo que reforza o estreito vínculo existente entre ámbalas dúas entidades e os seus valores comúns, destacando o compromiso, o esforzo, o traballo en equipo e a proximidade ao territorio.

Feiraco é proveedor oficial do R.C Deportivo e os seus produtos están presentes no comedor da cidade deportiva de Abegondo. Tanto o leite como os seus iogures forman parte da alimentación diaria dos profesionais que integran a estrutura deportiva, dende os xogadores dos primeiros equipos masculino e feminino, así como os equipos técnicos.

Dende a cooperativa amósanse “ilusionados por esta tempada, e polos resultados acadados. Gústanos pensar que os xogadores tomen leite Feiraco cada día contribuíu dalgunha forma, a chegar ata aquí.

E con esa ilusión continuamos esta tempada a colaboración ”. Do mesmo xeito, sinalan que “a lonxevidade desta relación vai moito máis alá do fútbol, trátase tamén de fomentar unha vida en movemento e con boa alimentación, de desfrutar e compartir ilusión en cada partido, e de que o deporte galego siga colleitando éxitos”.

Esta visión común aséntase nun piar fundamental: a aposta polo futuro. No club coruñés, esta materialízase no seu traballo de canteira, unha das máis frutíferas de todo o fútbol español. Conscientes disto, Feiraco manterá o seu apoio á Fundación RC Deportivo mediante iniciativas como DéporEscolas e o DéporCampus, programas formativos que cada ano achegan a práctica deportiva, os hábitos saudables e os valores do deportivismo a casi 3.000 nenos e nenas de toda Galicia na derradeira edición.

Coa renovación desta alianza, Feiraco e o RC Deportivo da Coruña reafirman o seu compromiso coa construción dun proxecto común e duradeiro e centrado no desenvolvemento das novas xeracións, a posta en valor do territorio e a combinación de deporte e boa alimentación como claves dun estilo de vida saudable. “Para moita xente, Feiraco evoca a mellor época da historia branquiazul; e ilusiónanos estar ás potras doutra etapa dourada do fútbol galego”, confesan dende CLUN.