Feiraco renova o seu patrocinio co RC Deportivo de A Coruña

Feiraco, marca láctea galega da cooperativa rural galega CLUN, renova o patrocinio do RC Deportivo da Coruña na que é xa a súa décima tempada de alianza.

Para celebralo, este 4 de outubro, coincidindo coa previa do partido en Riazor, tivo lugar un acto conmemorativo no que participaron D. Juan Gallástegui, director xeral de CLUN e D. Vicente Fernández, Consejero del RC Deportivo.

Sobre o céspede do estadio presentouse unha camiseta especial co número 10, símbolo destas dez tempadas camiñando xuntos. Ademais, durante o acto proxectouse un vídeo histórico no que se recollían algúns dos momentos máis destacados da relación de Feiraco co club branquiazul, que se remonta á tempada 1992-1993, cando a marca láctea se converteu en patrocinador principal do equipo.

A súa presenza na camiseta prolongouse durante oito tempadas consecutivas (1992-2000), coincidindo cunha das etapas máis brillantes do club. Neses anos destacaron figuras como Bebeto ou Mauro Silva e adestradores aínda queridos como Arsenio Iglesias ou Javier Irueta. Ademais, serán recordados pola conquista de títulos tan significativos como a Copa do Rei ou o campionato de Liga. Feiraco volveu ás camisetas da vestimenta do club deportivista a pasada tempada (2024-2025), esta vez na parte traseira, xusto encima do nome dos xogadores.

Como parte da celebración por este décimo aniversario, sortearase a camiseta conmemorativa nas redes oficiais de Feiraco, ofrecendo ás persoas afeccionadas a posibilidade de facerse co símbolo desta colaboración.

O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, resaltou que «estes dez anos de unión son boa mostra do compromiso que temos desde CLUN co deporte galego e, neste caso, cun club histórico que forma parte da identidade de Galicia».

Pero esta unión vai máis aló, xa que Feiraco renovou, tamén, o seu patrocinio ao Dépor Abanca e as Dépor Escolas FEIRACO, reforzando o seu apoio ao fútbol feminino e á formación das novas xeracións.

Related posts

Miles de persoas protestan en Barcelona en apoio a Palestina

Amplo despregamento de medios para atallar un incendio nunha chimenea dunha panadería de Rus en Carballo

O salón de plenos do Concello de Carballo acolleu este sábado o acto de renuncia de Evencio Ferrero como alcalde