Falece un pescador na costa de Lugo


Un home foi rescatado este domingo tras caer dunha lancha na zona da praia de Abrela, no Vicedo, na provincia de Lugo.

Os servizos de Emerxencias mobilizaron o helicóptero Pesca II, que o trasladou ata o hospital de Burela. Cando chegou a este centro sanitario na aeronave do Servizo de Gardacostas de Galicia, os servizos médicos non puideron facer máis que certificar o seu falecemento. Trátase dun veciño da parroquia vivariese de Covas, de 60 anos, que saira pescar como adoitaba facer nese lugar.

Unha persoa particular alertou ao 112 Galicia dunha embarcación co motor en marcha e sen tripulación preto do lugar de Abrela, ao fío das 16:00 horas. A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Policía Local e Nacional, á Garda Civil e a Protección Civil do Vicedo.