27
Felipe VI estivo este martes en Vigo, acompañado polo presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a ministra de Xustiza, Pilar Llop, e o alcalde da cidade Abel Caballero. O rei asistiu á inauguración da Cidade da Xustiza, que marca o inicio do traslado dos xulgados de Vigo, situados na rúa Lalín, a un edificio erixido nos anos 50 do século pasado como un dos rañaceos máis altos de España e que ata 2015 foi o principal hospital da cidade. Acto seguido, Felipe VI, tamén participou na inauguración da VIII Feira Internacional NAVALIA, un referente para o sector naval, que abriu as súas portas con case 400 expositores e 900 marcas representadas.
