Ferida leve tras caer co seu vehículo ás vías do tren en Narón

1 minutes read

Este sábado ao mediodía, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia dun coche accidentado na vía do tren.  Case ao mesmo tempo, outro particular que se identificaba como o marido da muller ferida, solicitaba axuda ao 112. Indicaba que a súa dona lle dixera que tivera un accidente, que se atopaba moi nerviosa, na estrada que une Neda e San Sadurniño, na CV-740, en Pedroso, no concello de Narón.

De inmediato, os xestores de emerxencias pasaron aviso ademais de ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos bombeiros do Eume, aos axentes de Tráfico,  da Policía Nacional e Local e a os efectivos de Protección Civil da localidade, así como, aos operarios de Adif.

Unha vez no punto, os Bombeiros comunicaron que o coche estaba envorcado sobre un lateral, a uns catro metros aproximadamente da vía, polo que, non interrompía a circulación férrea.

Non obstante, indicaron que tras saírse da vía o coche golpeou un poste de alumeado municipal, que resultou danado.

Iso si, confirmaron que a muller e única ocupante, atopábase fora do vehículo e con algunha molestia no seu corpo. Os servizos sanitarios de urxencia desprazaron unha ambulancia ata o lugar, aínda que, as feridas causadas, non parecían revestir gravidade.