Ferida nunha colisión múltiple na AP-9 motivo dun xabaríl


Unha muller resultou ferida a causa dunha colisión múltiple provocada por un xabaril que interceptou a vía na AP-9, á altura do punto quilométrico 73 dirección A Coruña, ao seu paso polo concello de Santiago.

Como consecuencia da irrupción do animal produciuse unha colisión entre cinco vehículos que circulaban nese momento pola autovía aos que, pouco despois, se sumaron tres máis por alcance, así o confirmaba a Garda Civil minutos máis tarde.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir as chamadas de alerta de varios usuarios da vía ao fío das 22:45 horas deste sábado. Segundo a información facilitada polos alertantes, como consecuencia do impacto, o animal atopábase falecido na estrada o que provocaba retencións nese punto.

Decontado, os axentes do 112 informaron do acontecido aos profesionais sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Para recuperar as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención do persoal do servizo de mantemento das estradas.