- Un accidente de tráfico tamén mobilizou aos servizos de emerxencias en Boborás
Unha persoa resultou ferida en Guntín ao quedar atrapada no apeiro do tractor que manexaba. Segundo puido saber o 112 Galicia, foron varias persoas que presenciaron o accidente as que liberaron ao condutor do vehículo.
Os feitos sucederon no lugar de Ferreira, ao fío das 17:30 horas. Nese momento, a Garda Civil de Tráfico contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro.
Tamén foi necesaria a colaboración do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-031, os Bombeiros de Chantada e o GES de Monterroso.
Coche envorcado
Por outra banda, un accidente de tráfico en Boborás mobilizou aos servizos de emerxencia.
O 112 Galicia tivo constancia, uns minutos antes das 17:45 horas, dun coche que envorcou ao saírse da vía na N-541, á altura do punto quilométrico 36.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o condutor e o outro ocupante do turismo sinistrado puideron saír polos seus propios medios do vehículo.
Ata o lugar desprazáronse, tras ser alertados polos xestores do CIAE 112 Galicia, os servizos sanitarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Carballiño, os axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Boborás. Ademais, desde o 112 Galicia informouse dos feitos aos efectivos do GES de Avión.