Ferida unha persoa en Carballo ao tropezar cun elemento suxeito na beirarrúa


Un elemento de suxeición dunha lona dunha terraza foi a posible causa da caída dunha persoa á altura do número 4 da rúa Fomento en Carballo. Eran sobre as 17:00 horas deste sábado cando D. R. B., unha señora duns 73 anos de idade, que camiñaba polo devandito lugar tropezou e foise ao chan quedando inmóbil, aínda que consciente. Segundo a súa versión o motivo da caída foi o tropezo cun elemento fixado na beirarrúa, posiblemente usado para a suxeición dunha lona de terraza. Ao lugar, o 061 enviou unha ambulancia que trasladou á ferida ao centro médico para ser diagnosticada.