Ferida unha traballadora dun restaurante de Cabana tras un incendio no almacén do local


Unha traballadora do restaurante A Pedra de Cabana de Bergantiños sufriu queimaduras e inhalou fume a causa dun incendio declarado nun pendello anexo ao local. Sucedeu no lugar da Pedra, na parroquia de Nantón.

O 112 Galicia recibiu a alerta do incendio moi preto das once e media da mañá deste domingo, a través dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Carballo, ao GES de Ponteceso, á Garda Civil e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo a información facilitada polos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Carballo, a muller tivo que ser trasladada a un centro médico. O incendio comezou no almacén e danou parte da instalación eléctrica e unha cámara frigorífica. Ademais, o restaurante quedou afectado polo fume.

Estado do almacén ardido.