O primeiro sinistro producíase minutos antes das nove da noite deste xoves, un turismo e un ciclista colidían na rotonda de Cabovilaño (A Laracha) ubicada na AC-552. A Peor parte levouna o piloto da bicicleta que caeu ao chan e tivo que ser evacuado nunha ambulancia do 061. O sinistro provocaba retencións de consideración na estrada comarcal debido á necesidade de regular o tráfico rodado na zona.
Minutos máis tarde, ás 21:26 horas quedaba activa outra incidencia no 112 Emerxencias Galicia debido a unha colisión entre dous turismos na AC-419, á altura do polígono de Tella, en Ponteceso. Ao lugar acudían de urxencia persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ponteceso, voluntarios de Protección Civil e Urxencias Sanitarias-061. Unha das persoas involucradas no accidente tivo que ser evacuada en ambulancia debido ás feridas que presentaba. Tamén se producían retencións no tráfico rodado dado que os dous vehículos sinistrados quedaron no medio da estrada.