Feridas dúas persoas en Mos tras un accidente con seis vehículos implicados

112 Emerxencias

  • Sucedeu ao redor das 07:30 horas na autovía A-55 dirección Vigo, á altura da gasolineira de Tameiga

Unha colisión múltiple, con seis vehículos implicados, saldouse con dúas persoas feridas este luns no concello pontevedrés de Mos.

O accidente tivo lugar pasados uns minutos das 07:30 horas da mañá na autovía A-55 sentido Vigo, concretamente á altura da gasolineira, ao seu paso pola parroquia de Tameiga. Así o indicaban os usuarios da vía que chamaron ao 112 Galicia para informar do sinistro.

Con estes datos, os xestores de Emerxencias 112 Galicia alertaron do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes de Tráfico e aos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. Tamén foi necesaria a colaboración dos servizos de mantemento da vía para recuperar as condicións de seguridade.