Ferido grave un ciclista tras ser atropelado no lugar de Centulle, A Laracha

1 minutes read

Un ciclista resultou ferido grave tras ser atropelado na mañá deste luns no lugar de Centulle, no término municipal da Laracha.

Varias persoas chamaron ao 112 Galicia, arredor das 10:30 horas, para informar do accidente ocorrido na estrada DP-1913, sobre o punto quilométrico 8. Indicaban que un ciclista acababa de ser atropelado e que estaba ferido na calzada.

Desta forma, os operadores do CIAE-112 Galicia déronlle aviso ao 061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos Bombeiros de Carballo. Minutos despois, o persoal sanitario comunicou a saída dun helicóptero medicalizado para o lugar, polo que tamén se alertou aos membros de Protección Civil do municipio.

Finalmente, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 indicaron que a persoa foi trasladada en ambulancia ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.