Un axente da Garda Civil de Tráfico pertencente ao Destacamento de Corcubión, sufriu un accidente de circulación este venres no quilómetro 2,5 a AC-441, Pereira – Berdoias, á altura da localidade de Grille en Mazaricos.
Segundo informou a benemérita “o axente, xefe de parella, dirixíase a atender un sinistro viario en motocicleta facendo uso dos sinais acústicos e luminosos regulamentarias, cando pola marxe dereita se lle incorporou un turismo, chocando coa motocicleta oficial no seu carril de circulación, a cal circulaba con preferencia”.
O axente resultou ferido grave, con posibles fracturas en brazo e perna esquerda e foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago. Está fóra de perigo aínda que pendente do diagnóstico definitivo e da súa evolución. As probas de alcol e drogas realizadas ao condutor do turismo deron negativas, polo que se investigan as causas do sinistro.