Ferido leve nun espectacular accidente de camión en Abadín


Pasaban uns minutos das once e media da mañá deste mércores cando varios particulares alertaban o 112 dun accidente de tráfico na autovía do Cantábrico á altura do concello lugués de Abadín. Informaban dunha saída de vía dun camión con dúas cisternas de leite que se precipitou nun dos extremos do viaduto de Fontepresa.

O vehículo acabou na vía de servizo despois de colidir con outro camión que estaba parado na autovía por unha avaría e ao que ao parecer trataba de adiantar cando perdeu o control e acabou precipitándose por un desnivel coas dúas cisternas cargadas de leite.

Malia a aparatosidade do sinistro o condutor do camión só sufriu feridas leves e saíu polo seu propio pé aínda que posteriormente foi trasladado ao hospital.