Ferido o condutor dunha furgoneta tras chocar contra un poste en Coristanco

1 minutes read

O condutor dunha furgoneta resultou ferido despois de chocar o vehículo que conducía contra un poste de electricidade. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polo alertante, a furgoneta saíuse da vía este luns cando circulaba pola estrada que une as localidades de Coristanco e Rus. Debido ao impacto, o poste de formigón rematou apoiado enriba do vehículo.

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron a situación en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Bergantiños e do GES de Ponteceso.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que, malia estar liberado e accesible, o condutor necesitaba asistencia sanitaria.

Co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, aos efectivos de Protección Civil da localidade e á empresa subministradora de enerxía da zona.