Ferido un home ao sufrir un accidente co tractor que manexaba en Barreiros

1 minutes read
  • Máis sucesos: un operario resultou ferido despois de caer do guindastre desde o que traballaba en Ourense

Un home resultou ferido esta tarde no concello lucense de Barreiros despois de sufrir un accidente co tractor que manexaba.

O suceso ocorreu no lugar de O Morteiro, en San Xusto de Cabarcos. Foi o mesmo implicado quen, pasados dez minutos das 15:30 horas, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, indicando que necesitaba asistencia porque tivera un accidente co tractor, estaba só e aseguraba estar atrapado.

Ata o lugar do accidente acudiron sanitarios do 061, os Bombeiros de Barreiros, a Garda Civil e efectivos de Protección Civil.

Finalmente o home non tivo que ser excarcerado polos Bombeiros, senón que logrou saír do vehículo grazas ós sanitarios e ós membros de Protección Civil. O ferido foi trasladado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Operario ferido en Ourense
Por outra banda, tamén ao fío das 15:30 horas desta tarde, o 112 Galicia era informado por unha persoa particular dun accidente laboral na cidade de Ourense. Neste caso, tratouse dun operario que se precipitou dende a guindastre coa que traballaba, na Rúa de Celso Emilio Ferreiro.

O 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Policía Nacional e Local e dos efectivos de Protección Civil da cidade.

Os profesionais sanitarios confirmaron o traslado do feirod ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.