Ferido un operario nun incendio dunha pa mecánica nunha nave de cereais en Arteixo

1 minutes read

Un incendio orixinado nunha pa excavadora dunha nave dedicada ao tratamento de cereais saldouse cun operario ferido e diversos danos no motor da máquina industrial.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o traballador da nave foi trasladado nun vehículo particular ata un centro médico, logo de sufrir un golpe.

O 112 Galicia tivo coñecemento do lume a través do persoal do Centro de Control do Porto da Coruña, que alertaba dun incendio nunha nave situada no Porto Exterior de Punta Langosteira.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arteixo, ao Servizo Municipal de Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil.

Xa desde o lugar do incendio, os Bombeiros de Arteixo confirmaron ao 112 Galicia que o lume fora sufocado polos propios traballadores da nave, que sacaron a pa mecánica do interior da construción para extinguir as lapas.