Ferido un traballador en Santa Comba tras caer dunha altura de dous metros

Emergencias 112

  • Sucedeu no lugar de Guisande pouco antes das doce da mañá deste martes

Un traballador resultou ferido na mañá deste martes ao precipitarse desde unha altura de dous metros no lugar de Guisande, na localidade de Santa Comba. Sucedeu poucos minutos antes das doce, cando un particular alertou ao 112 Galicia do sucedido solitando asistencia médica.

Decontado se puxo en marcha un operativo no que participaron os servizos sanitarios, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil do concello.

Nun primeiro momento mobilizouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago, pero finalmente a vítima foi trasladada ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia.