Feridos dous motoristas en senllas caídas en Viana do Bolo e Muíños

Accidente de moto_Arquivo.

O primeiro sinistro rexistrouse na estrada que une as localidades de Bande e Muíños, á altura da parroquia de Barxés. Segundo informaba un particular ao 112 Galicia, un motorista sufrira unha caída e estaba ferido. Deseguido, os xestores do CIAE 112 Galicia comunicaron estes datos aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e ao GES de Muíños que, xa no punto, confirmaron que o motorista estaba consciente, pero que fora trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Por outra banda, no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, tamén se tivo constancia doutra caída de moto, cun motorista trasladado, en Viana do Bolo. Neste caso, o sinistro produciuse na estrada OU-533, ao seu paso por este concello ourensán. Foi un particular quen daba aviso deste accidente ao 112 Galicia, sinalando que un motorista estaba ferido tras sufrir unha caída. Ata o lugar, mobilizados polo 112 Galicia, acudiron os servizos sanitarios, o GES da Gudiña e a Garda Civil de Tráfico.