Fermosa e emotiva entrega en Cee da XV Edición dos Premios Académicos Fernando Blanco

2 minutes read
Fermosa e emotiva mañá de venres a desenvolvida nun ateigado salón de actos do IES Fernando Blanco, con motivo da entrega da XV Edición dos Premios Académicos Fernando Blanco correspondentes ao pasado Curso 2025-2026, os cales estiveron organizados conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema e polo IES Fernando Blanco de Cee, e que contan coa colaboración varias entidades e firmas comerciais (Abanca, Semáforo de Fisterra, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L. – Mapfre Seguros, Xeal-Energo Pro, Fersi Papelería, Todo Lar, Aurora Sport, Cabo Sport, Parques e Xardíns Manuel García e Inforneria).


O acto contou coa presenza de Dª. María Eugenia Pérez Fernández, Directora Xeral de Formación Profesional, de José Santiago Freire Abeijón, Delegado Territorial, da Alcaldesa de Cee, de concelleiros das distintas formacións políticas, de representantes dos establecementos colaboradores, integrantes do Padroado da Fundación, equipo directivo e profesorado do IES Fernando Blanco, familias e alumnado de distintos cursos.
O acto comezou coa tradicional ofrenda floral no sepulcro da capela onde repousan os restos do fundador e os discursos da cerimonia correron a cargo de Chelo Trillo Lago e Sonia López Bugeiro, profesoras do centro e ex-integrantes do padroado da Fundación, as cales fixeron de presentadoras ante a ausencia de Darío Areas Domínguez, Secretario da Fundación e habitual conductor da gala, do alumnado premiado, de Sofía Crespo, Directora do Instituto, de Margot Lamela Louzán, Alcaldesa do Concello de Cee e da propia Directora Xeral de Formación Profesional.

En todos eles estivo moi presente a figura de D. Fernando Blanco de Lema, todos quixeron louvar a súa figura e o seu altruísmo, froito do cal, Cee conta cun dos centros educativos de referencia de Galicia dende finais do século XIX, e motor do desenvolvemento educativo, cultural e social da vila e da contorna.
Os Premios Fernando Blanco están destinadas a agasallar aos mellores expedientes académicos de distintos cursos impartidos no instituto ceense, algo que xa aparecía recollido no primeiro regulamento do centro de 1886 e que dende a Fundación e o Instituto recuperaron no Curso 2011-2012.
As notas dos premiados/as desta edición oscilaron entre o 8,84 e o 10. De feito, era requisito imprescindible para optar a ditos Premios, ter tódalas materias aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5,
Cada un dos Premios está valorado en 500 € (280 € en metálico e 220 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores).

A música do acto estivo a cargo de Ainara, que interpretou coa gaita os acordes do Himno do Antiguo Reino de Galicia durante a ofrenda floral, e de Noemí Calvo que actuou durante a cerimonia de entrega.
Os premiados nesta edición dos Premios Fernando Blanco foron:

JULIO CÉSAR SAR VÁZQUEZ (1º CICLO MEDIO – INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS E AUTOMÁTICAS)

ANA LEMA IGLESIAS (1º CICLO SUPERIOR – MECATRÓNICA INDUSTRIAL)

CLARA BELFORTH MARGARIDO (3º ESO)

LUCÍA CANOSA LESTÓN (1º BACHARELATO)

MARYURI ROSALIN ALVARADO CHICAS (EDUCACIÓN SECUNDARIA PARA PERSOAS ADULTAS – MÓDULO 2)