44
O piloto español Fernando Alonso foi atropelado por un coche mentres montaba en bicicleta. O dúas veces campión do mundo de Fórmula 1, que este ano regresa á competición, aos seus 39 anos, circulaba polos arredores da cidade suíza de Lugano, cando ocorreu o accidente. Segundo informa o diario italiano «La Gazzetta dello Sport», que adiantou a noticia do accidente, as probas radiolóxicas ás que se someteu Alonso revelaron unha fractura na mandíbula e danos nalgunhas pezas dentais. A súa escuadra, a francesa Alpine F1, informou de que Alonso «está consciente e atópase ben; e está á espera de ser sometido a novos exames médicos» este venres.