Fernando Vázquez collerá os mandos do Depor


O regreso de Fernando Vázquez ao Deportivo pode facerse realidade esta mesma semana. Será, por tanto, a primeira decisión que se faga efectiva como froito da “colaboración” entre a directiva de Paco Zas e o equipo de Fernando Vidal. Coas eleccións en metade do mercado de inverno e sen outra candidatura que compita pola presidencia do club, a urxencia da situación obriga a mover ficha. Segundo a axencia EFE, o acordo entre o técnico de Castrofeito e a entidade deportivista está pechado. As dúas vitorias consecutivas do equipo con Luís César no banco e o subidón de moral non bastan para afianzar un ansiado cambio de rumbo. Polo visto no campo, o equipo segue enfangado nos mesmos problemas que arrastra desde o inicio da tempada. Co triunfo ante o Tenerife, só se puideron recortar dous puntos coa permanencia, que aínda está a sete. Por iso é polo que a substitución no banco espérase para antes de que o persoal regrese desta semana de descanso. Se se cumpren os prognósticos, Fernando Vázquez dirixiría xa o adestramento do próximo sábado. Sería o encargado, desta forma, de preparar integramente o primeiro partido do 2020. O Deportivo visita Soria o domingo 5 de xaneiro, polo que o equipo podería traballar unha semana enteira ás ordes do novo técnico.