A dirección federal do PSOE remitiu este luns unha resolución á dirección saínte do socialismo galego, con Gonzalo Caballero á fronte, na que lle comunicou a destitución do comité organizador do congreso do partido, previsto para o próximo 7 e 8 de decembro, e o nomeamento doutro equipo a pedimento de Valentín González Formoso, que será o próximo secretario xeral do PSdeG. Entre as competencias que Ferraz outorga ao novo comité organizador están a coordinación coas comisións executivas provinciais para iniciar «os seus procesos congresuais», a celebrar tras a cita rexional. Do mesmo xeito, atribúese ao comité «a dirección dos recursos humanos do persoal contratado», así como a comunicación directa coa dirección federal do partido «tanto nas relacionadas co progreso congresual como aqueloutras de carácter ordinario».
Esta nova comisión organizadora, que dependerá do novo secretario xeral, estará composta pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vilagarcía de Arousa e presidente da Fegamp, Alberto Varela; o rexedor de Ames, Blas García; o administrador-xerente do partido, Luís Anxo Lago Lage; o alcalde de Valdoviño, Alberto González; a edil pontesa, Ana Pena, a que fora xefa de gabinete de Emilio Pérez Touriño, Teresa Facal e a deputada autonómica e secretaria provincial do PSOE de Lugo, Patricia Otero.