Ferrol acollerá o espectáculo de danza ‘Feminitude’ e o concerto de Sara Correia


O primeiro será o venres, día 10, e propón unha posta en escena que fará partícipe ao público. A recoñecida portuguesa presentará o sábado 11 en Ferrol o seu traballo ‘Do Coração’, premio Play ao mellor álbum de fado e nomeado aos Grammy Latinos. Ambas citas darán comezo ás 20.30 horas.

O Concello de Ferrol ten deseñado para este mes de marzo, por mor da celebración do Día Internacional da Muller, unha programación cultural na que a muller é a protagonista. Esta fin de semana celebraranse dúas das citas estrela desta programación, co espectáculo de danza ‘Feminitude’ o venres, da compañía integrada por mulleres Cali, e a actuación o sábado da recoñecida fadista Sara Correia, ambos ás 20.30 horas no Teatro Jofre.

En canto ao primeiro, trátase dunha posta en escena que trata de facer un percorrido polo universo femenino, mostrar a interioridade das mulleres do século XXI e os ecos das que as precederon. Busca tamén levantar as fronteiras entre o público e o artista, polo que inclúe unha experiencia escénica para os asistentes, facendo partícipe ao espectador da atmosfera que se xera sobre o escenario ao tempo que se achega a danza a todas as persoas. O prezo das entradas é de 4 euros.

En canto ao concerto do sábado, un dos talentos do fado contemporáneo, a recoñecida Sara Correia, presentará en Ferrol o seu álbum ‘Do Coração’, premio Play ao mellor álbum de fado e nomeado aos Grammy Latinos. Os máis importantes fadisas destacan a intensidade desta artista, que provén dunha familia moi vinculada a esta música e que xa actuou en Ferrol durante as festas de verán de 2020. As entradas poden adquirirse por 12 euros. Pode consultarse o resto da programación cultural do Concello de Ferrol en https://www.ferrol.gal/axenda_cultural/es.