Ferrol acolleu a cuarta edición da feira Primavera no Camiño Inglés


Unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a colaboración entre entidades para levar a cabo este evento. “A coordinación, sumar esforzos é a clave” destacou.

Na inauguración institucional participaron tamén o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor.

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, agradeceu tanto a colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia como “o traballo realizado ao longo dos últimos meses por todo o persoal municipal dos dezaoito concellos representados”.

“É a primeira vez que Ferrol acolle esta cita”, destacou o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que amosouse orgulloso “do traballo feito polas distintas administracións, unha aposta conxunta por reivindicar este Camiño Inglés, un dos nosos recursos patrimoniais e turísticos”.

O delegado da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, incidiu en que a Xunta “está levando a cabo un investimento de dous millóns de euros para a posta en valor do Camiño Inglés.” e lembrou que “grazas ao esforzo de todas as administracións xa é a terceira opción máis escollida despois do Camiño Francés e o Portugués”.