Ferrol celebra o Día das Persoas de Idade

concello de ferrol

O Concello de Ferrol continúa ofrecendo á poboación maior da cidade actividades de dinamización e envellecemento activo dirixidas a mellorar o seu estado físico e mental. Neste caso, e con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade, o próximo sábado 1 de outubro, o Concello vai celebrar cunha xornada festiva e de socialización que comezará ás 11 horas no centro cívico do Antigo Hospicio cun acto de benvida e a lectura dun manifesto conmemorativo deste día. A continuación dará comezo unha serie de obradoiros dinámicos e grupais para desenvolver coas mans e a través da estimulación mental, e ás 12.15 horas iniciarase unha camiñada ata o centro de maiores Río Xubia, onde os participantes degustarán de petiscos ferroláns e dunha actuación musical.

Este ano “celebramos o Día Internacional das Persoas de Idade no Antigo Hospicio co fin de facilitar a asistencia ás persoas que viven no barrio da Magdalena, un dos máis envellecidos da nosa cidade”, indicou Eva Martínez Montero, concelleira de Benestar Social. Con todas as iniciativas que o Concello de Ferrol está a poñer en marcha dirixidas á poboación maior “pretendemos contribuír a mellorar o seu estado físico, mental e tamén anímico”, apuntou a edil, quen lembrou que na actualidade está activo o programa para maiores de 65 anos ‘Outono Ilustrado’, que inclúe unha serie de saídas.